Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

Ficcións sobre humanos e dinosauros

Nunca pensei que ía falar destas cousas, de asuntos que consideraba dabondo aclarados pola ciencia. Pero atopamos escritos que nos alertan de que non están esquecidos no imaxinario popular. Días atrás lía nun xornal madrileño un titular sorprendente.

Trataba sobre a estratexia utilizada polos humanos para sobrevivir ao impacto do meteorito que causou a extinción dos dinosauros, catástrofe que ocorreu, nada menos, que hai 66 millóns de anos. Claro está que o titular “¿Cómo sobrevivió el hombre al asteroide que acabó con los dinosaurios?” non se correspondía literalmente co contido do artigo xornalístico, posto que o autor sabía á perfección que aqueles terribles saurios e os humanos nunca coexistiron. Tan só pretendía informar sobre a supervivencia ante tal catástrofe dalgúns pequenos mamíferos, caso do “Purgatorius”, que antecedeu á nosa especie na cadea evolutiva e vivía cando o meteorito colidiu contra a Terra.

Sen embargo, o anacronismo que fai coincidir no tempo ás persoas cos dinosauros, parece que continúa a formar parte dun imaxinario colectivo, acaso máis arraigado do que puideramos pensar. E non é de estrañar, porque tales crenzas foron alimentadas por unha ficción que, desafortunadamente, soe ser máis exitosa e tendente a callar na convicción popular que o coñecemento científico. Lembrarán que a partires da década de 1960 puxéronse de moda películas de supostos tempos prehistóricos que se ambientaban nesas coincidencias imposibles.

Seguro que lles soa “Cuando los dinosaurios dominaban la Tierra”, dirixida por Val Guest en 1970; ou, cunhas características semellantes, “Hace un millón de años”, de 1966 e dirixida por Don Chaffey. Cunha finalidade lúdica e nada formativa aparecen nas longametraxes, entre outros espécimes, apatosauros, alosauros, cartosauros, triceratops ou archelones -tartarugas xigantes- que poñían en apuros aos protagonistas. Pero, fóra da ficción, nada diso foi historicamente posible. De momento os datos para rastrear o pasado da humanidade non soportan nin de lonxe cifras tan altas, segundo propoñen os bioquímicos por medio da técnica dos “reloxos moleculares”.

Descuberta en 1962 por Emile Zuckerkandl e Linus Pauling, fai posible saber o tempo no que se separaron dúas especies que compartiron un antepasado común, polo número de diferenzas nos seus respectivos ADN.

Así, a liñaxe do noso parente máis próximo, o chimpancé, tomou un camiño distinto da nosa hai 6 millóns de anos. Ademais o “Homo sapiens” non aparecerá, mesmo na versión máis arcaica, ata hai 300.000 anos, como sabemos polo sitio arqueolóxico de Jebel Irhoud, no Marruecos occidental. Incluso o noso posible parente máis vello, o “Ardipithecus ramidus”, non parece sobrepasar os 4,4 millóns de anos de antigüidade. É posible que formase parte da liña xenética dos australopitecos e, en consecuencia, de nós mesmos, os humanos actuais.

Permítanme que remate cunha broma. Dicía un bo amigo meu que os arqueólogos nunca teriamos futuro porque non sabiamos conectar co gran público, que debiamos aprender dos “Picapedra”, os debuxos animados de Hanna-Barbera Productions tan populares entre nenos e maiores. Penso que a súa aceptación débese á transposición dos modos de vida dos norteamericanos da década de 1960 a unha falsa sociedade prehistórica cavernícola.

Ben é certo que artigos de prensa como o que antes lles dicía, convidan a lelos. Todo un acerto de titular, tan sorprendente que seguramente acaparou a atención de numerosos lectores, incluída a de quen agora escribe.