Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

Trala pegada dos indianos

Rogelio García Yáñez foi un emigrante de Ramirás que, á volta da Argentina, erixiu a escola de Freás de Eiras para achegar a educación aos seus veciños. Un exemplo de altruísmo que non foi illado e que se pode ver este mes na mostra “Luces de alén mar”.

A antiga escola de Freás de Eiras, orgullo veciñal e un dos poucos exemplos da arquitectura indiana na provincia, é unha das protagonistas -xunto co seu promotor Rogelio García Yáñez- da mostra “Luces de alén mar”. Un traballo do Consello da Cultura Galega que onte se inaugurou en Ramirás para visibilizar o compromiso da emigración galega co seu país e a súa contribución no eido educativo, funcionando como resorte para a expansión da rede educativa no rural e como axente modernizador das aldeas.

Ramirás é un dos trece municipios ourensáns onde se ten constancia física da labor altruísta e xenerosa que realizaron homes e mulleres dende o outro lado do mar, e que en toda Galicia suma máis de 200. “A Galicia contemporánea non se entende sen a súa contribución. Un feito crucial, dunha trascendencia enorme e un orgullo. Ningunha outra comunidade mostrou un interese tan firme e constante para mudar a educación do seu país. Non lles sobraba o diñeiro, e iso aínda o fai máis conmovedor e máis exemplarizante”, dixo a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, que onte se desprazou ata o centro de saúde de Vilavidal para participar nun acto coa alcaldesa Isabel Gil, e de Sandra González e Alexandre Sotelino, de Rebulir.

A mostra se enmarca na programación do Festival Internacional Rebulir, un evento do 15 ao 18 de decembro, e que persigue “achegar a cultura galega con outras culturas, e co exterior. E esta mostra encaixa moi ben porque hai certo paralelismo entre as escolas dos indianos que trouxeron outros estilos educativos e arquitectónicos a Galicia e o festival, onde traemos outras culturas para empaparnos delas”, comentaba o director Alexandre Sotelino, quen, a súa vez, puxo de manifesto a importancia de poñer en valor o edificio de Freás de Eiras, “un lugar polo que pasaron tantos e tantos nenos” e cuxo mecenas foi Rogelio García Yáñez. Veciño de Freás de Eiras, concello independente ata 1926 cando a fusión con Vilameá deu orixe a Ramirás, emigrou moi novo a Arxentina, financiando ao seu retorno no ano 1935 a costrucción dun grupo escolar. O inmoble   de pedra e nun entorno privilexiado contaba, segundo a prensa da época, con todas as modernidades: electricidade, calefacción na vivenda dos mestres e nas tres aulas mixtas; ademáis de biblioteca, comedor escolar e laboratorio.

O obxectivo do goberno local que preside Isabel Gil pasa porque a escola recupere o seu esplendor, rehabilitando os distintos espazos para converterse nun epicentro social e cultural do municipio a través da creación dun centro de día, vivero de empresas e sala formativa e de exposicións, ademais de manter a brigada de incendios. Un proxecto que, tras o primeiro revés que lembraba a rexedora, segue buscando financiamento, nesta vez cos Next Generation.