Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

“É fermoso que o espírito da raia chegue a todo o mundo”


Se houbera que resumir a película “Fuego” apenas polo seu argumento habería pouco para contar do novo filme da directora francesa Claire Denis. Sara e Jean, ou sexa, Juliette Binoche e Vincent Lindon, están nunha relación amorosa estable que leva dez anos. Semella que se queren e que se coidan moi ben entre os dous. Non obstante, reaparece un fantasma do pasado de ambos os dous, François, é dicir, Grégoire Colin, de quen se sabe pouco e nada, salvo que a Binoche estivo namorada del e que o Lindon pasou un tempo no cárcere pola súa culpa. Esa sombra é precisamente a que empeza a escurecer o filme por completo.

Con esa pouca cousa, a directora levanta o voo. Sempre lírica, libre de pexas, que nunca se deixa amarrar pola ditadura do guión, Claire Denis consegue darlle peso e densidade á película, non tanto polo que conta senón por como o conta.

Cineasta áspera e moitas veces incluso violenta, a directora é tamén capaz de facer filmes dunha rara calidez e tenrura, allea a todo sentimentalismo. O amor no cine de Claire Denis sempre é unha cuestión de pel e en “Fuego” volve a selo, coa cámara pegada ós seus personaxes, á xeografía dos seus corpos, á desconfianza e tremor das súas mans no acto amoroso ou a un ataque de furia, que ás veces no filme son a mesma cousa.

Auténtica historia de amor e desamor entre dous adultos de máis de 50 anos, cun terceiro en discordia, coas súas discusións, pelexas, dores, bágoas e reconciliacións. Historia na que o elenco liderado pola Binoche, polo Lindon e polo Colin e unha serie de temas laterais que lidan con asuntos sociais, axudan moito a que o drama que se conta sexa máis que un elegante xesto burgués. Estes inmensos intérpretes, máis a fotografía escura de Eric Gautier e a música de Tindersticks danlle peso e substancia ás pilastras básicas da narración.

“Fuego” acadou o Oso de Prata á mellor dirección no pasado Festival de Berlín. E creo que con total merecemento, xa que Claire Denis saca peito entre as miserias e fulgores dese triángulo amoroso que a cineasta francesa desmonta co seu particular estilo. Pero xa sabemos que o cine da directora é un cine de impulsos ó que non lle gusta dar explicacións.