Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

El sello “Dramedias Autrán”


Un ano máis o Festival de Cine de Ourense pódese dicir que entrou con bo pé grazas á súa película inaugural. Comentar que, antes, a gala xa repartiu diversos premios e amosou certas homenaxes máis que merecentes. Pero xa postos na materia, no que interesa nesta columna cinematográfica, non queda outra que dicir que “O home e o can” é unha fermosa película en todos os aspectos; sexan cinematográficos ou emotivos. O de estes, o de emotivos, vai máis ben polo detalle ese de estar toda ela rodada en Ourense e iso, quéirase que non, sempre atrae algo máis. En concreto ten localizacións en San Cibrao das Viñas, Cea e, por suposto, a propia cidade das burgas.

Non obstante, o filme non precisa desa emotividade para demostrar o que vale. Na súa presentación, o propio director Ángel de la Cruz comentou que era coma unha homenaxe ó neorrealismo italiano, a ese neorrealismo cotiá das nosas vidas. De aí tamén que o rodara en branco e negro. Iso, hoxe en día, hai que ter valor para facelo desa maneira. Agora, visto o visto, non me imaxino a película en cor.

“O home e o can” aborda, dramaticamente (aínda que as gargalladas aparecen no público bastante a miúdo, grazas a certas escenas realmente marabillosas e a un traballo interpretativo de Manuel Manquiña que, como se adoita dicir, se sae), digo que trata temas como a soidade dos maiores e a crise demográfica que padece o medio rural. Aquí, na nosa terra, sabémolo ben: que tanto unha cousa como a outra están á orde do día e son máis que reais. Aldeas que desaparecen e aldeas cun veciño tan só (coma no caso de Manuel, o protagonista) ó que non lle queda outra que mamar soidade e máis soidade, por moito can ou pitas que teña.

Manuel, un home con capacidades intelectuais máis que diminuídas, ten que deixar a aldea da que nunca saíu porque un accidente do seu can o obriga a marchar correndo á cidade. Nesta coñece a Paula (inmensa Paula Chaves) que, a pobre, tamén foxe do seu fogar “escarallado”, e xuntos (buscando o can e, logo, a Marta, a filla de Manuel, que non morrera como lle contara sempre a familia) converteranse en auténticos amigos por culpa, por suposto, desa maldita soidade que corroe a boa parte da sociedade actual. Fermoso filme.