Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

Obituario | Elixio Rivas, un sacerdote apaixoado da etnografía e toponimia galegas


O misioneiro paúl Elixio Rivas faleceu onte en Salamanca ós 97 anos de idade. Nado no concello de Xunqueira de Ambía no ano 1925, foi, ademais de sacerdote, profesor, etnógrafo e lingüísta, disciplina na que se dedicou fundamentalmente á onomástica, etnolingüísta e a etimoloxía.

Membro da Comisión de Toponimia de Galicia dende 1978, e membro correspondende da Real Academia de Historia, da súa man saíu unha extensa produción de libros e artigos que recolleron o seu intenso traballo, e que lle valeron recoñecementos como a Medalla de Ouro da Deputación de Ourense en 2019 e a Medalla Castelao no ano 2000, só por mencionar os de maior entidade.

Era ben novo cando deixou os apeiros de labranza e marchou estudiar ó Santuario dos Milagres un 11 de setembro de 1936, cando tiña 11 anos, en plena Guerra Civil. Logo viaxou a Santander, ó colexio San Vicente de Paúl de Limpias, e posteriormente completou a súa formación entre Murguía (Álava) e Madrid.

Pero tivo que volver a Galicia con 17 anos, cando a falta de comida da posguerra fixo que enfermara. Debeu volver á Limia xa coa ausencia do seu pai, que falecera cando Rivas tiña 14 anos.

Cando se repuxo da súa doenza, solicitou ir como misioneiro a India, formando parte dos proxectos que alí ten a Congregación dos Paúles. Non foi posible porque aínda estaba débil, polo que viaxou ó Reino Unido para aprender inglés nunha estancia que durou nove anos. Despois foi trasladado a Cuba en 1955, cando tiña 31 anos, ata que tivo que saír abruptamente en xuño de 1961 tralo triunfo da Revolución Cubana.

Aí foi cando volveu a España, previas paradas en Miami e Porto Rico. Asentou en Marín, exercendo como mestre na escola San Narciso durante 21 anos. Foi entón cando a súa vida cambiou. Xa con 45 anos decidiu matricularse na Universidade de Santiago de Compostela para estudar a disciplina á que era aficionado, a Filoloxía Románica.

Probou sobradamente a súa sabedoría coa súa tese doutoral, na que trataba a toponimia de Marín; e co seu libro “A Limia”, polo que recibiu o Premio Otero Pedrayo en 1980 e que recolle a historia e antropoloxía da comarca. Son só dúas obras da vasta produción que deixou tras de si. Tamén concibiu o Léxico Rural de Galicia, un compendio de 25 libros nos que estuda a etnografía e a vida diaria da comunidade.

Outro dos seus grandes méritos foi a súa ardua labor para recuperar a ruta xacobea do Camiño Mozárabe (tamén coñecida como Vía da Prata), froito do seu interese pola peregrinación, que profesou dende que en Inglaterra camiñou catrocentos quilómetros á basílica de Nosa Señora de Walsingham. Non en van, foi o primeiro presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Galicia, fundada en 1992.

A capela ardente estará instalada no Santuario dos Milagres, e abrirá hoxe a partir das seis da tarde. O funeral terá lugar no mesmo sitio na xornada do luns, sendo oficiado ás once da mañá.