Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

Sociedade Galega de Historia Natural, Premio Pedra Alta 2022

Serafín González, presidente, ofreceu unha nova clase maxistral de como outro mundo é posible e de como se pode loitar contra o cambio climático con compromiso e educación ambiental.

Todo comezou cun conto: “A historia de Antela contada por unha cegoña”. Este libro foi o punto de partida para que a Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural iniciase o seu labor de recuperación do ecosistema acuático e do patrimonio natural da Comarca da Limia, un patrimonio que se perdeu coa desecación da lagoa e a posterior acción do ser humano en detrimento do medio. Serafín González, presidente da SGHN, e o seu equipo de voluntarios medioambientais demostraron ao longo dos anos que é posible coidar o territorio e sacarlle beneficio ao mesmo tempo mediante a gandeiría en extensivo. 

A proba do anterior reflíctese a día de hoxe na Veiga de Gomareite. Alí, a Sección Antela chegou a retirar, tan só nunha mañá, seis metros cúbicos de plásticos e outro tipo de residuos: “Atopouse de todo: Dende unha canica, a unha viga”, lembra González, que onte recibiu en Vilar de Santos o Premio Pedra Alta 2022 outorgado á Sociedade Galega de Historia Natural. O traballo cun gandeiro da zona, Samuel Formoso, permitiu reconvertir este espazo degradado pola acción humana nun humidal estacional pastoreado. Favoreceuse a recolonización da fauna e hoxe é o fogar de especies en extinción en Galicia, como a Conícora. 

Da man de empresarios adicados á extracción areeira estanse recuperando espazos naturais en varios puntos da comarca e tamén se está traballando en meandros do río Faramontaos. 

Nun ateigado salón de actos de Vilar de Santos, onde a resposta veciñal nunca falla cando se trata de eventos culturais e dinamizadores do territorio, o representante da SGHN ofreceu unha nova clase maxistral de como outro mundo é posible e de como se pode loitar contra o cambio climático con compromiso e educación ambiental. “É importante recoñecer o traballo da Sección Antela nun momento crítico para o medioambiente. Hai que implicarse nisto porque a nosa vida está en xogo”, aseguraba Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia -entidade que otorgou o premio-. 

No acto houbo un recordo para Elixio Rivas, “que nos deixou unha lagoa de palabras” e un recoñecemento a Edelmiro Martínez Cerredelo, recentemente nomeado fillo predilecto de Xinzo. O alcalde, Antonio Míguez, quixo destacar o papel do Padroado para manter un “museo vivo”.