Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

“Volvemos á nosa casa”

A parroquia de Moreiras está de celebración, pois, tras meses de misas nun centro veciñal, por fin poden volver á igrexa de Moreiras, un Ben de Interese Cultural que estaba nunhas condicións pésimas. Agora, repuxéronse as dúas naves laterais por 120.000 euros.

Despois de anos clausurada, a igrexa de Moreiras recobra vida. A finalización das obras de remodelación esta pasada semana puxo fin a meses de espera para a recuperación dun dos bens patrimoniais máis importantes do concello de Toén, xa que está catalogada como un Ben de Interese Cultural (BIC). Esta remodelación foi posible grazas a unha inversión de case 120.000 euros por parte da Consellería de Cultura, e os traballos consistiron na substitución de toda a estrutura das naves laterais do Cruceiro e Sancristías, aínda que previamente realizouse outra inversión dun importe similar na nave central.

O cura desta parroquia, Luis Manuel Cuña, asegura que “vimos dun período no que non se podía usar a igrexa parroquial. Para os funerais e as misas dos domingos estabamos a utilizar o local veciñal de Moreiras, pero agora por fin podemos volver á nosa casa”. Cuña felicita aos encargados de levar adiante esta obra porque “foron moitas as dificultades e imprevistos que tiveron que enfrontar, pero o resultado é excelente”.

O alcalde de Toén, Ricardo González, conta que “ademais de todas as humidades, durante os traballos saíu á luz unha praga de termitas que estaban acabando co retablo”. Así, o rexedor celebra poder volver a este “punto de reunión de grande interese tanto para os veciños como para toda a provincia pola súa relevancia histórica e cultural”. Tamén agradece á asociación de veciños de Moreiras a súa xenerosidade por ceder o local para o culto durante máis de 6 meses mentres duraron as obras. 

Pero esta restauración non é importante só para o culto, senón tamén a nivel social e cultural. A veciñanza da parroquia, segundo contan Cuña e González, está “moi feliz de poder recuperar un dos orgullos de Toén e o ben máis senlleiro de Moreiras”, recuperando un ben moi importante a nivel cultural e tamén “as numerosas visitas de toda España que recibe a igrexa e que estiveron paralizadas durante todos estes meses nos que había obras”.