Spain
This article was added by the user . TheWorldNews is not responsible for the content of the platform.

Xinzo acomete o cambio de iluminación nas rúas

Unha luz led por cada dous habitantes. Estas son as contas que resultan “co ambicioso proxecto para mellorar a iluminación de Xinzo de Limia”, segundo pon de manifesto unha nota do goberno local da vila. Os traballos arrancaron nos últimos días e os operarios de catro empresas están substituíndo, en diferentes tramos, un total de 2.480 vellas luminarias.

Máis en concreto, as actuacións lévanse a cabo en Lamas, Boado, Porto Alto, Casas de Veiga, Ganade, Pidre, Piñeira Seca, Solveira, A Bruxueira, Lamas de Arriba, O Camo, Ganade, Outeiro, Regueiro, Corredoira, Gudes, Guntimil, Gorgozola, San Vitorio e Barreiro.

Está previsto que os traballos continúen a próxima semana cando empezará, en paralelo, a colocación das 2.130 restantes. Así, a actuación irase completando nas próximas semanas ata a substitución de 4.610 vellas luminarias polos novos dispositivos, que ademais de mellorar a visibilidade aforrarán un 70% o gasto de luz do Concello, sinala o Concello. 

A factura actual anual elévase ata preto de 258.500 euros e agora conseguirase rebaixar considerablemente apostando pola tecnoloxía led. 

A nota municipal fai referencia a que “a visibilidade mellorou considerablemente nalgunhas zonas nas que xa se substituíron as lámpadas, como na pista da Devesa ou no polígono, ademais do entorno do cemiterio e nas unións da Sitibal co centro da vila”. 

A próxima semana comezarán os traballos para cambiar as vellas luminarias -de 100 vatios e que apenas iluminan- nos pobos de Xinzo de Limia.

Para a substitución de 4.610 vellas luminarias deste proxecto, o Goberno Central, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), aportará o 80% (1.495.000 euros), mentres que o 20% restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. 

Coa substitución dos puntos de luz mellorará a calidade da iluminación e reduciranse as emisións de CO2.